Thursday 02 de May de 2024

A veciñanza de Frades poderá solicitar a partir de mañá venres as axudas de 400 euros para o fomento da natalidade e os bonos-taxi para os desprazamentos sanitarios dos maiores


Ambas as dúas ordenanzas reguladoras foron publicadas hoxe no BOP

O BOP de hoxe publica dúas ordenanzas reguladoras de axudas do Concello de Frades: unha de ata 400 euros para promover nacementos de fillos/as, adopción ou acollemento no Concello de Frades e outra das axudas de bono-taxi para persoas maiores de 65 anos. Dúas axudas que a veciñanza de Frades poderá comezar a solicitar a partir de mañá venres. A convocatoria estará aberta durante todo o ano e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral ou a través da sede electrónica.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o obxectivo destas dúas axudas é favorecer que a xente quede no rural. Para iso apostamos por crear unha liña de apoio ás familias para o fomento da natalidade e, por outra, por un bono de transporte que facilite o desprazamento dos nosos maiores a calquera centro sanitario do Sergas na provincia con cita previa”.

Axudas ao fomento da natalidade

Así, o Concello de Frades promoverá axudas de ata 400 euros para aquelas familias que teñan fillos/as por nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo para fomentar a natalidade e o asentamento de poboación no municipio. Para acceder á subvención será preciso que cando menos un das persoas proxenitoras estea empadroada en Frades cunha antelación mínima de 12 meses á data do parto, adopción ou acollemento; así como que se atopen ao corrente das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello.

As axudas serán, como máximo de 400 euros por fillo/a. No caso de partos múltiples ou adopción de máis dunha crianza, terase dereito a percibir o 100% para cada fillo. Así mesmo, a familia comprométese a seguir empadroada en Frades por un período mínimo doutros dous anos. A convocatoria estará aberta todo o ano.

“No caso das axudas de bono-taxi o que pretendemos é dar un servizo máis aos nosos maiores, para que poidan ter unha maior calidade de vida e seguir na súa contorna mentres así o desexen”, apunta Roberto Rey. Así, a finalidade desta subvención é atender a persoas maiores de 65 e/ou con discapacidade ou dependencia recoñecida, que poidan utilizar transporte público non adaptado, para trasladalas a un centro médico con cita previa e sen requirir asistencia sanitaria durante o traslado.

A maiores, para acceder a estes bonos a persoa deberá estar empadroada en Frades cunha antigüidade de máis de 6 meses, ter máis de 65 anos ou ser maior de idade cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65%, unha pensión da seguridade social por IPT, IPA, grande invalidez ou un grao II ou III de dependencia… Ademais, a persoa non deberá posuír vehículo propio (ou estar imposibilitado para a condución), carecer de ingresos superiores ao 85% do IPREM anual na unidade familiar e atoparse ao corrente das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello de Frades.

Os bono-taxis son de uso persoal e intransferible. As persoas beneficiarias están obrigadas a cumprir as normas establecidas para este servizo. O uso fraudulento do mesmo dará lugar á retirada do servizo polo prazo dun ano.